Monday 06 de May de 2024

O Museo de Artes dedica unha nova serie sobre grandes gravadores galegos á figura do creador coruñés Emilio Celeiro


O artista estivo na apertura da mostra, que estará ata o 21 de maio

O Museo do Gravado de Artes exhibe dende hoxe unha nova exposición pertencente á serie que a institución dedica cada ano aos gravadores galegos. Tras as mostras dedicadas a Manuel Facal, Manuel Ayaso, Leopoldo Novoa e Alfonso Costa, na edición de 2016 aborda a traxectoria e figura do célebre creador coruñés Emilio Celeiro.

O gravador, pintor e escultor acudiu persoalmente á apertura da exposición no museo situado no lugar de Outeiro, onde foi recibido polo alcalde de Riveira e presidente da Fundación Museo de Artes, Manuel Ruiz, e pola responsable do museo Laura García.

A exposición, que estará aberta ata o 21 de maio, consta de 42 gravados elaborados en distintas técnicas (augaforte, xilografía ou litografía, entre outras), complementados por pranchas orixinais e acompañados tamén de debuxos e esculturas.

Mutantes
Durante a súa intervención, Celeiro describiu algunhas das técnicas utilizadas no seu labor creador e referiuse tamén á súa evolución como artista, concibindo a partir de peixes máquinas de guerra e a partir das mesmas seres mutantes “moi acordes cos tempos que estamos a vivir hoxe en día”.

Pola súa parte, Manuel Ruiz manifestou a súa satisfacción por poder acoller esta exposición dedicada á Emilio Celeiro, que se inscribe dentro dos obxectivos do museo de dar a coñecer os nosos principais artistas contemporáneos dentro da especialidade do gravado.

Emilio Celeiro, escultor, pintor e gravador galego, iniciou a súa formación na Escola de Artes e Oficios da Coruña, cidade na que naceu fai 88 anos. A súa primeira exposición individual data de 1954 na Sala de Exposicións da Delegación de Turismo da Coruña. Emigrou durante case corenta anos en Venezuela para regresar en 1989. Ten recibido distintos premios, como a V Paleta de Prata outorgado pola Asociación de Artistas Plásticos Galegos (ARGA) pola súa traxectoria.

As súas obras figuran en museos de Venezuela, Barcelona ou Castelló, ademais de en coleccións particulares de Venezuela, os Estados Unidos ou Alemaña.

A mostra poderá ser visitada de martes a sábados, de 10 a 14 e de 16.30 a 19.30 horas, ademais dos festivos de 16.30 a 19.30 horas.